Tesouros atopados

Plantas carnívoras, en Trevinca?

Esta planta carnívora é outro dos descubrimentos que atopei na Zona de Especial Conservación (ZEC) de Pena Trevinca, mentres realizaba voluntariado ambiental para o Concello de A Veiga (este folleto recolle o resultado do traballo). Buscabamos distintas especies catalogadas como típicas na zona, pero que á súa vez non resultaban doadas de atopar e voilà!

Na foto vemos unha Drosera rotundifolia, que vive en ambientes húmidos e que se caracteriza pola súa cor vermella e os seus pequenos filamentos. As zonas nas que habita esta planta carnívora non teñen demasiados minerais e por iso evolucionou até ser capaz de dixerir pequenos insectos.

Pero… como fai para cazar? A súa cor vermella e a segregación dunha substancia doce en forma de pequenas gotiñas brillantes son a perdición de calquera insecto que se achegue, logo, que este líquido sexa ademais pegañento, fai o resto. A través de enzimas disolve os corpos e extrae deles os nutrientes.

Por se esta planta espertou a túa natureza curiosa, aquí van alguns datos orixinais sobre ela (científicos e non tan científicos) que quizais non coñecías:á

  1. Para sobrevivir ao inverno esta planta é capaz de hibernar formando un brote con todas as súas follas apertadas.
  2. Esta planta ten propiedades medicinais, resultando un bo antiinflamatorio e tamén un bo antiespasmódico, o que, por outro lado, resulta unha ameaza para a especie.
  3. Tamén se chama “rocío do sol” aínda que en Galicia recibe o nome de “orballiña” ou “rorella”.
  4. Emprégase para crear un licor cuxa receita ten a súa orixe na Idade Media e tamén para fabricar colorantes en Escocia.
  5. As gotas da substancia que segrega simbolizan na mitoloxía nórdica as bágoas da deusa Freya, que chora pola ausencia de Odín.
  6. Os alquimistas trataron (evidentemente sen éxito) fabricar ouro con ela.

Se algunha vez te animas a percorrer Trevinca, non deixes de visitalas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

This site is protected by reCAPTCHA and the Google Privacy Policy and Terms of Service apply.