Divulgación 

Presentando as lagoas glaciares na televisión

No eido da xeografía a divulgación debe ser un elemento fundamental para ensinar en que traballamos e axudar á poboación a comprender mellor o territorio. Corría o ano 2015 cando, sen esperalo, xurdiume a posibilidade de aparecer na televisión. Concretamente no programa de RTVE “Desde Galicia para el Mundo”. E preguntarédesvos, que fago eu nun programa como ese?

Nesas datas o programa gravou un episodio dedicado a unha das zonas de montaña máis importantes de Galicia, o municipio de A Veiga. Ademais de contar a historia desta zona, coas súas minas de Volframio ou a presenza dos maquis, interesáronse polas súas características naturais.

 

A zona do macizo de Trevinca caracterízase pola súa gran altitude, contando co cume máis alto de Galicia e o efecto que nas súas montañas tivo o glaciarismo, porque, aínda que poida parecer que son montañas modestas, non temos que ir até as highlands escocesas para observar a pegada dos glaciares.

Nas inmediacións de Trevinca atopámonos cun importante número de lagoas e ademais temos dúas en concreto que se podería dicir que son lagoas glaciares de libro. Trátase de Ocelo e a Serpe, dúas lagoas ás que se pode acceder sinxelamente desde A Veiga e que non deixarán indiferente a ninguén.

O illamento desta zona fixo non só que estas formas glaciares manteñan un gran estado de conservación, senón que tamén promoveron a aparición de historias míticas como o caso da lagoa da Serpe, que parece recibir o seu nome por unha serpe que se “aparece” nas noites de lúa chea.

Gústenvos ou non as historias, visitar esta zona sempre é unha boa idea se queredes perdervos entre inmensos paisaxes que un día esculpiu o xeo. Se queredes coñecer máis en detalle esta zona de montaña antes de visitala podedes ver aquí o programa completo de Desde Galicia para el Mundo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *