Tesouros atopados

Bonnie Carrier, un barco afundido en Teixidelo

As xornadas de traballo de campos a veces sorpréndete máis do que esperas. Mentres estudábamos o antigo val glaciar de Teixidelo atopámonos cos restos do Bonnie Carrier, un barco que se afundiu nesta zona en 1986.

As súas pezas máis duradeiras e pesadas seguen resistíndose a desaparecer da costa galega. Tralo seu afundimento chegouse a construír un camiño para que distintos desguaces rescatasen os seus restos, tarefa complicada tendo en conta os impresionantes cantís da zona. O derradeiro intento por facer desaparecer o que queda do barco foi unha puxa pública fai xa uns anos. Sen embargo, fotos como esta demostran que o barco afundido aínda hoxe é parte da paisaxe.

Se algo caracteriza o litoral galego é a súa forza. Esta costa é a máis enerxética da Península Ibérica, o que fai que ademais de ter unha gran capacidade para modelar o territorio, tamén sexa unha mala aliada para as embarcacións durante os temporais.

A zona de Cedeira viviu o afundimento dunha morea de embarcacións ao longo da historia, os restos do Don Segundo Sombra fan compañía ao Bonnie Carrier na mesma zona, e é que, coas ondas de máis de 10 metros como as que se rexistran na boia de Estaca de Bares, manterse a flote non é tarefa sinxela.

O Bonnie Carrier, o Don Segundo Sombra, a paisaxe e unha impresionante praia de area negra son escusas perfectas para visitar esta zona, apúntaste?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

This site is protected by reCAPTCHA and the Google Privacy Policy and Terms of Service apply.