Esta planta carnívora é outro dos descubrimentos que atopei na Zona de Especial Conservación (ZEC) de Pena Trevinca, mentres realizaba voluntariado ambiental para o Concello de A Veiga (este folleto recolle o resultado do traballo). Buscabamos distintas especies catalogadas como típicas na zona, pero que á súa vez non resultaban doadas de atopar e voilà!
Na foto vemos unha Drosera rotundifolia, que vive en ambientes húmidos e que se caracteriza pola súa cor vermella e os seus pequenos filamentos. As zonas nas que habita esta planta carnívora non teñen demasiados minerais e por iso evolucionou até ser capaz de dixerir pequenos insectos.
Pero… como fai para cazar? A súa cor vermella e a segregación dunha substancia doce en forma de pequenas gotiñas brillantes son a perdición de calquera insecto que se achegue, logo, que este líquido sexa ademais pegañento, fai o resto. A través de enzimas disolve os corpos e extrae deles os nutrientes.
Por se esta planta espertou a túa natureza curiosa, aquí van alguns datos orixinais sobre ela (científicos e non tan científicos) que quizais non coñecías:á
- Para sobrevivir ao inverno esta planta é capaz de hibernar formando un brote con todas as súas follas apertadas.
- Esta planta ten propiedades medicinais, resultando un bo antiinflamatorio e tamén un bo antiespasmódico, o que, por outro lado, resulta unha ameaza para a especie.
- Tamén se chama “rocío do sol” aínda que en Galicia recibe o nome de “orballiña” ou “rorella”.
- Emprégase para crear un licor cuxa receita ten a súa orixe na Idade Media e tamén para fabricar colorantes en Escocia.
- As gotas da substancia que segrega simbolizan na mitoloxía nórdica as bágoas da deusa Freya, que chora pola ausencia de Odín.
- Os alquimistas trataron (evidentemente sen éxito) fabricar ouro con ela.
Se algunha vez te animas a percorrer Trevinca, non deixes de visitalas.