Divulgación 

A historia da Terra gravada en Euskadi

A costa vasca é un sector litoral cunha gran diversidade. A xeografía do norte peninsular agocha recunchos únicos e de gran interese xeolóxico e xeomorfolóxicos, ¿Queredes coñecer un dos máis impresionantes?

En Zumaia atopámonos cun flysch que se estende por máis de 13 km de costa deixándonos paisaxes incríbeis. Pero, que é un flysch? Trátase dunha formación xeolóxica na que se superpoñen capas de rochas duras e materiais máis brandos que pola erosión diferencial vai xerando formas únicas como as que se poden ver nas fotos.

A aparición na superficie deste flysch responde a razóns tectónicas e especialmente ao efecto que tivo a oroxénese alpina nesta zona, permitíndonos gozar da paisaxe actual da costa de Zumaia.

Esta formación atópase dentro do Xeoparque da Costa Vasca, onde se pode ver un rexistro incríbel da historia da Terra nos últimos 60 millóns de anos. Polo espesor das capas podemos coñecer multitude de datos sobre as condicións climáticas en cada momento. Ademais, nesta zona pódense observar distintos tipos de fósiles de gran tamaño.

Seguro que vendo as imaxes podes pensar que esta paisaxe xa che sona, verdade? Nos últimos anos a famosa serie Xogo de Tronos tamén se rendeu aos encantos do flysch de Zumaia, empregando este sector como un inmenso set de rodaxe. Como podedes ver trátase dun sector único e de visita obrigada, aínda que sempre con precaución, xa que á zona da praia de Itzurun só se pode acceder con marea baixa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *