Divulgación 

Curiosidades da xeografía de Galiza (III)

Fai falla unha vida enteira para coñecer a xeografía de Galiza cos seus múltiples espazos naturais e a pegada que deixaron no seu territorio fenómenos como o glaciarismo. A enorme diversidade desta rexión fai que cada día poidamos atoparnos nun mundo totalmente diferente.

O Camiño de Santiago como a articulación de Galiza

O Camiño de Santiago é un dos elementos máis coñecidos de Galicia no estranxeiro. Cada ano medra o número de persoas que deciden facer algún dos seus itinerarios e aproveitar para visitar a cidade de Santiago de Compostela. Na comunidade galega atopámonos con polo menos seis camiños, ademais das súas variantes, como a alternativa costeira do Camiño portugués. A presenza destas rutas xera unha serie de sendeiros que percorren boa parte do territorio galego e que van deixando ao seu paso unha infinidade de elementos arquitectónicos de gran valor como as igrexas ou os cruceiros.

Galiza, unha terra de montañas

É certo que en Galiza non temos as montañas máis altas do planeta, pero tamén é verdade que a parte oriental da rexión caracterízase polos seus sistemas montañosos. Zonas como a Serra do Courel ou o macizo de Trevinca son áreas moi coñecidas polos amantes da montaña. Saberías dicir cal é o punto máis alto de Galiza? A moita xente esta pregunta xéralle confusión, bastantes persoas pensan que o é Cabeza de Manzaneda, pero non. O pico máis alto de Galiza é Pena Trevinca con 2.127 metros, superando en máis de 300 metros a Manzaneda.

As plantacións forestais como recurso e conflito

Crías que tódolos bosques son naturais? Actualmente Galiza conta cunha gran cantidade de plantacións forestais. Estas plantacións xeralmente son de piñeiros e eucaliptos, que son especies de crecemento rápido e demandadas polas industrias como a papeleira. Nos dous casos son árbores invasoras, que se atopan fora do seu ambiente natural e que no contexto galego xeran unha importante perda de biodiversidade, afectando tanto ás augas subterráneas como ás especies que medran na parte inferior dos bosques. A chegada destas novas especies xera grandes problemas de carácter ambiental.

Outra das problemáticas relacionadas con estas especies son os incendios forestais. Galiza caracterízase por ser a Comunidade Autónoma cun maior número de incendios, concentrándose estes de forma moi clara nas zonas ocupadas polos eucaliptos e piñeiros (nos incendios de outubro do 2017 representaron preto do 40% do total de superficie calcinada segundo as nosas estimacións realizadas a partir do Mapa Forestal e MODIS).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *