Divulgación 

Curiosidades da xeografía de Galiza (II)

Fai uns días iniciabámonos nas curiosidades da xeografía galega coñecendo o importante que son os seus espazos naturais ou como existe vexetación moi antiga. Hoxe adentrarémonos un pouco máis nas principais características da rexión. Cada recuncho do seu territorio gárdanos novas sorpresas e unha paisaxe totalmente nova. Se levas os ollos ben abertos poderás descubrir unha nova Galiza a cada paso.

O contraste litolóxico galego

Galiza pódese dividir en función dunha infinidade de criterios, pero un dos máis relevantes é o litolóxico. En Galiza existen dúas zonas principais, por un lado o sector onde os granitos son o material dominante e por outro as áreas metamórficas. Esta diferenciación fai que teñamos paisaxes moi contrastadas como poden ser as formas redondeadas que ofrecen os granitos en zonas como o Monte Pindo ou áreas caracterizadas pola erosión das pizarras e xistos como é a Praia das Catedrais (Aguas Santas).

Si, Galiza é unha zona marcada polo glaciarismo

Pensando nas temperaturas actuais que hai en Galiza pode resultar complicado visualizar o noso territorio sementado de grandes glaciares, pero isto é algo que ocorreu fai algún tempo. O modelado glaciar en Galiza ten unha importancia chave nas áreas montañosas con vales en forma de “U” e a presenza de grandes cantidades de sedimentos erosionados polo xeo. Pero, isto non se cingue só ás áreas de alta montaña, a influencia dos glaciares tamén definiu en parte as morfoloxías litorais con, por exemplo, a acumulación de materiais glaciares en zonas acantiladas.

As augas termais como recurso

Ir ás termas é algo relativamente frecuente en Galiza. Nos últimos anos estas zonas viron incrementado o seu interese turístico e cada vez máis xente goza delas, pero, como apareceron? O segredo das termas agóchase debaixo da terra. Os solos graníticos cheos de fracturas son os encargados de deixar pasar a auga e que esta se quente baixo a terra, volvendo a brotar á superficie coas propiedades do solo polo que pasa.

2 thoughts on “Curiosidades da xeografía de Galiza (II)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

This site is protected by reCAPTCHA and the Google Privacy Policy and Terms of Service apply.