Divulgación 

Ponteceso, onde o vento deseña a paisaxe

A xeografía de Galiza está repleta de lugares fascinantes. Desde ás altas montañas das serras orientais até a costa sur podemos atoparnos cunha gran variedade de paisaxes que responden á acción de múltiples factores nun determinado lugar, como pode ser a choiva ou a litoloxía da zona.

Nas proximidades de Ponteceso podémonos atopar cun perfecto exemplo de como o vento pode modelar ao seu antollo a paisaxe. Este sector do litoral galego presenta un sendeiro desde a enseada da Insua que non deixa a ninguén indiferente.

Desde que se comeza a camiñar pódese gozar de multitude de aves que amenizan o noso percorrido, pero non están soas, nesta zona as ovellas campan ao seu antollo e tamén nos acompañan pequenos lagartos como o da foto.

En canto nos achegamos cara o litoral atoparémonos cun gran sistema dunar, onde en boa medida o vento foi marcando a súa evolución e as pequenas e grandes formas que podemos observar. Neste sector vemos con claridade as distintas fases que pode vivir un sistema sedimentario, desde a area máis libre das dunas máis novas, até as zonas onde a vexetación colonizou o solo, agasallándonos cun espectáculo de formas e cores marabillosas.

Na praia da Barra atopámonos en todo o seu esplendor unha formación sedimenraria que ao longo dos anos vai evolucionando e mudando o seu aspecto en función dos temporais e da cantidade de sedimentos que ten dispoñíbeis na zona. Subindo por esta praia podemos chegar até Balarés, tras un pequeno percorrido por un sector máis elevado onde nos atopamos con novas especies vexetais e unha costa rochosa onde as marcas da erosión se poden ver claramente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

This site is protected by reCAPTCHA and the Google Privacy Policy and Terms of Service apply.