Dar a volta ao mundo é algo que sempre ten atraído a moitas persoas. Descubrir o que agocha o noso planeta é tentador, verdade?
Esta idea de patear a Terra, tan recorrente na literatura, puido levala a cabo fai uns anos Xurxo Mariño. O profesor e divulgador científico galego pasou 11 meses debullando os segredos mellor gardados das paisaxes máis espectaculares do globo.
O percorrido de miles de quilómetros que fixeron Xurxo Mariño e Eli Couto quedou rexistrado paso a paso no seu libro Terra: Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo (versión en galego e en castelán). Neste libro mestúrase a ciencia e a literatura de viaxes, conseguindo transmitir a esencia das paisaxes que temos no noso planeta.
O propio autor, mostraba na rede algunhas das imaxes que marcaron esta viaxe, fotografías que nos achegan a unha realidade moi distinta á vida cotiá e que van desde a natureza máis salvaxe de Namibia até os retratos da poboación local de Singapur. Pero, se queremos seguir o camiño que levou a Xurxo e a Eli a dar a volta ao globo precisaremos dun mapa.
É certo que os mapas en papel teñen o seu encanto, pero hoxe imos ser prácticos e imos coñecer a ruta que seguiron a través de mapas dinámicos. Neste mapa podedes acceder a cada un dos lugares que se mencionan en Terra (espero non esquecer ningún). Ademais deses recunchos que nos mostra Xurxo Mariño no seu libro, tamén temos a secuencia que seguiu no seu percorrido. Anímaste a perseguilo?