Divulgación 

Sen pistas do monstro do Lago Ness

Estando en Escocia realmente non podía faltar unha visita a un dos puntos máis famosos da súa xeografía, o Lago Ness. Seguro que ao longo da vosa vida escoitastes mil historias en relación a este lugar, verdade?

O primeiro que debo dicir, é que non, non atopei ao monstro por ningures. Historicamente o Lago Ness estivo ligado á existencia de Nessie, creándose múltiples lendas sobre as súas aparicións e a forma que debería ter este ser misterioso. Realmente, aínda que a idea da existencia de Nessie poida resultar moi atractiva, parece que a ciencia teima continuamente en desmontala.

Pero indo realmente ao importante, facédesvos unha idea das dimensión que ten este lago? Debo dicir que cando o ves por primeira vez quedas abraiado. O Lago Ness é unha masa de auga que se alonga uns 37 km e que ocupa unha superficie de máis de 56 km2, o que viría sendo bastante máis que a superficie do municipio de A Coruña. Imaxinádesvos toda esa zona cuberta de auga?

Vale, agora quizais a pregunta sexa, como chegou isto até aí? Pois moi sinxelo. O Lago Ness atópase na rexión escocesa das Highlands, unha zona que como xa comentamos caracterizouse pola presenza do xeo durante longos períodos de tempo. O que hoxe é o Lago Ness ten esa forma alongada en boa medida por atoparse sobre a faia de Great Glen, unha zona do terreo máis débil que se escavou pola acción glaciar fai uns 10.000 anos dando lugar a múltiples lagos.

Outro dos detalles curiosos que ten este lago é a turbidez das súas augas. Realmente é moi complicado ver máis aló dun palmo, pero isto ten unha explicación e non está relacionada co monstro. O sector no que se atopa o Lago Ness ten un sustrato cun contido moi elevado en materia orgánica (turba) que lle outorga esas tinguiduras marróns que aumenta máis, se cabe, as conxecturas sobre a existencia de Nessie.

One thought on “Sen pistas do monstro do Lago Ness

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

This site is protected by reCAPTCHA and the Google Privacy Policy and Terms of Service apply.