Divulgación 

Foron os xigantes ou é obra da ciencia?

Frecuentemente os lugares máis incríbeis contan con explicacións de lenda ou con mitos aos que lle deben a súa fama, como era o caso do Lago Ness. A xeografía mundial está chea de lugares fascinantes nos que nos atopamos con formas e paisaxes únicas. Unha destas zonas é a Calzada dos Xigantes, coñécela?

A Calzada dos Xigantes atópase no condado de Antrim, situado na costa nordeste de Irlanda do Norte. Aínda que a fama a leve este sector, hai que dicir que toda a costa irlandesa ten paisaxes incríbeis. Que ten de especial a Calzada dos Xigantes? Pois que nela hai máis de 40 000 columnas con formas hexagonais coas que todo o mundo quere fotografarse (eu tamén caín), pero, como chegaron até aí?

Como case sempre podemos optar por dúas opcións, a “máxica” e a científica. A lenda entorno a esta zona fala de dous xigantes, un irlandés chamado Finn MacCool e outro que se atopaba na parte escocesa (Bennandoner). Ao parecer non tiñan unha boa relación e dedicábanse a lanzarse pedras mutuamente, vamos, o máis común. A mala puntería dos xigantes xerou unha ponte entre as dúas illas pola que Finn MacCool decidiu pasar para plantarlle cara ao xigante escocés, pero a cousa non pintaba ben.

Cando o irlandés comezou a decatarse do tamaño de Bennandoner decidiu que era mellor saír por patas e volver por onde fora. Pero, nese momento o xigante escocés xa o descubrira e saíu correndo detrás del. Finn logrou refuxiarse na súa casa e a súa muller tivo a brillante idea de disfrazalo de bebé, cando Bennandoner entrou na casa e comprobou as dimensións do “neno” escapou a toda presa, ao pensar que, se ese era o fillo, como debía ser de grande o pai. Nesta apresurada fuxida foi na que o escocés destruíu a ponte que unía as súas illas dando forma á paisaxe que temos actualmente na Calzada dos Xigantes.

Vale, eu tamén creo que a historia ten algunha que outra lagoa, tan grandes coma o Lago Ness quizais, así que mellor buscar a explicación desta paisaxe na ciencia, verdade? As impresionantes columnas que nos atopamos ao lado do mar están formadas por basaltos, que é unha rocha cristalina de orixe volcánica e que se relaciona co arrefriamento rápido da lava. Neste momento de arrefriamento é cando aparecen estes prismas, maioritariamente hexagonais, aínda que non todos, que fixeron tan famoso este sector costeiro. Esta explicación para a súa orixe foi amplamente debatida e nos últimos anos conseguiuse reproducir en laboratorio unhas condicións semellantes ás que existirían na orixe desta zona, nas que a temperatura para a formación das columnas hexagonais se estimou entre uns 840 e 890˚C.

Aínda que se trata dunha zona Patrimonio da Humanidade desde 1986, a formación da Calzada dos Xigantes remóntase a fai 50 ou 60 millóns de anos e a partir dese momento foise transformando no que hoxe coñecemos. Como o basalto é unha rocha máis dura que as que se atopan no seu entorno resiste mellor a erosión e aínda hoxe en día podemos velo en todo o seu esplendor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *