A gran duna móbil de Corrubedo ten sido un importante reclamo turístico no Barbanza. O sistema sedimentario incluído no Parque Natural do Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán é un ecosistema con un gran valor medioambiental e a súa evolución é un elemento chave para esta zona.
O estudo dirixido por Augusto Pérez Alberti e que vimos de publicar recentemente en Applied Science sobre a evolución deste sector costeiro galego desde o ano 1956 ao 2017 permitiu púidose comprobar as enormes variacións vividas en Corrubedo nas derradeiras décadas.
Desde os anos 80 do pasado século asístese a un avance da duna móbil cara o interior do continente o que ven parello cunha diminución da súa altura e da extensión da parte máis alta da duna. Estas variacións comprobáronse desde distintas perspectivas e empregando distintas fontes de información.
Pero, que aconteceu durante este tempo? Ao longo de todo o período asistiuse a un aumento da superficie vexetada que acadou o seu máximo no 2017 con 93.9 hectáreas. Neste sentido tamén houbo cambios moi importantes nos camiños presentes nesta zona. Estes carreiros están relacionados co paso da poboación e visitantes e desde o 2002 viuse unha importante diminución nos mesmos, o que se debe relacionar coa maior vixilancia no sector.
As mencionadas variacións na duna móbil estudáronse desde o ano 2008 a partir de datos LiDAR, unha metodoloxía a través de impulsos cun láser desde avións coa que se pode coñecer a elevación do terreo. Neste caso púidose observar como desde o ano 2008 ao 2015 a elevación da zona diminuíu de media 55 centímetros, para unha perda total próxima aos 270.000 m3, que é o volume de material que se espallou polo sistema sedimentario.
Moitas persoas pregúntanse a razón e utilidade destes estudos. Realmente, coñecer a evolución de zonas como esta é de vital de importancia no actual contexto de cambio global, dado que as variacións nas variábeis climáticas poden ter un gran impacto en ecosistemas tan sensíbeis como o de Corrubedo. É preciso levar a cabo un gran esforzo desde o eido da xestión costeira para protexer e manter as características destas zonas e que poidan continuar funcionando como arestora.