Pero, para que queres saber se a costa muda? non está sempre no mesmo sitio? Non é a primeira vez que me atopo con preguntas deste tipo e a verdade é que non sempre é sinxelo transmitirlle á xente a importancia que ten estudar as zonas costeiras.
Acotío pódese pensar que as inmensas rochas que vemos na costa estiveron sempre no mesmo lugar, pero isto non é así. Por exemplo, en Galicia demostrouse que rochas de máis de metro e medio desprazáronse durante os temporais invernais do 2016-2017.
A moita xente gústalle pasar as súas vacacións en zonas de mar ou incluso vive normalmente en áreas próximas (de feito o 37% da poboación reside a menos de 100 km da costa). Actualmente, no contexto do cambio global, atopámonos con que o aumento do nivel do mar ou o incremento das tormentas e a súa virulencia pode afectar negativamente ás persoas ou infraestruturas que se atopan próximas ao mar. Este é un dos feitos primordiais polos que analizar como son e tratar de proxectar como serán as costas no futuro é algo fundamental no mundo da investigación.
Como podemos evitar que a dinámica da costa poda causar danos? Pois investigando. Coñecer como funcionan as correntes mariñas, como afectan as ondas á costa ou a resistencia que ten un determinado material axúdanos a poder previr problemas futuros. Ademais, esta investigación debe ir ligada a unha correcta xestión por parte das autoridades.