Nesta web fálase moito sobre a costa e a xeografía litoral, pero, como podemos definila? Isto non é nada sinxelo. Segundo os elementos nos que nos centremos ou na nosa visión sobre o territorio teremos unha definición diferente.
Definición
A xeografía litoral cingue a súa zona de estudo ás proximidades do mar. Delimitar esta área xa é todo un reto en si mesmo. Dependendo do criterio que empreguemos para marcar o límite entre o continente e o mar esta zona mudará enormemente. O paso dun ambiente a outro non é unha liña clara, senón que se trata dun sector onde tanto os factores mariños coma os terrestres entran en contacto. Por exemplo, son zonas onde tanto as ondas como as choivas afectarán a como mude o seu aspecto.
Por que é importante coñecer ben estas zonas? As zonas costeiras teñen un gran interese a múltiples niveis. Sabías que o 37% da poboación vive a menos de 100 km da costa? Ademais, nestas zonas é onde acostuman concentrarse as industrias polos seus beneficios para o transporte. Nas últimas décadas tamén hai que destacar como o turismo foi chave para o progreso/mudanza destas zonas. En relación con isto último, aparece a necesitade de coñecer como son as dinámicas litorais desde distintos ámbitos para poder protexer as súas paisaxes e valores naturais e evitar a súa degradación.
Pode afectar o cambio global as nosas costas? Por suposto, as dinámicas do cambio global vinculadas a un aumento do nivel medio do mar, así como do número de tormentas pode modificar de forma importante as praias ou acantilados que hoxe coñecemos. Neste sentido a investigación do litoral será un elemento chave para evitar posíbeis riscos.
Tipos de costas
No mundo científico acostúmase diferenciar esencialmente entre dous tipos de costas. Por un lado, están as costas sedimentarias, que son aquelas zonas de praias e dunas que acostuman ter unha gran importancia para o sector turístico e que presenta unhas dinámicas evolutivas moi rápidas.
No extremo oposto estarían as costas rochosas, que son zonas acantiladas ou de rochas espidas como as plataformas litorais ou as praias de coídos. Trátase de ambientes con taxas de mudanza máis lentas e que xeralmente foron menos estudadas, a pesar de que representan ¾ partes da costa a nivel mundial.
As costas rochosas en Galiza
Moitas veces ao pensar na costa galega véñennos a cabeza imaxes como a da praia de Rodas ou Corrubedo, pero realmente en Galicia a inmensa maioría da costa é rochosa. Estas zonas compóñense principalmente por diversas tipoloxías de granitos e frecuentemente están vencellados coas zonas máis enerxéticas, onde a acción do mar vai modelando a paisaxe acantilada e outorgándolle o seu aspecto característico.