Publicacións

 Os cantís achégansenos a pedir axuda

O litoral vive nunha transformación continua marcada polos factores mariños, como a altura das ondas ou os temporais, e os factores continentais como poden ser as choivas ou o tipo de litoloxía. Analizar a relación que existe entre estes elementos é vital para poder saber cal será o futuro destas zonas, pero, para que queremos sabelo?

As zonas costeiras teñen atraído a moitas persoas. Historicamente son áreas con moitas vantaxes para o transporte, a instalación das industrias e as posibilidades de traballo. Boa mostra desta importancia atopámola en Europa, onde máis do 40% da poboación vive en zonas costeiras. Isto fai que analizar os posíbeis cambios nestes sectores sexa de vital importancia par ao futuro de moitas persoas.

Precisamente neste contexto, de analizar como mudaran as nosas costas no futuro, enmárcase o noso derradeiro estudio publicado en Environmental Earth Sciences. Este proxecto analiza a evolución dun sector de cantís na costa norte de Galicia (Ponzos) ao longo das derradeiras décadas empregando distintas técnicas como a interpretación de imaxes aéreas, ou os datos obtidos con dróns.

Algunha vez pensaches que o cantil que tes detrás de ti na praia podería virse abaixo? Non sexamos alarmistas, isto non é algo que aconteza tódolos días, pero estudar os factores que os desencadean é moi importante. Especialmente en lugares como Galicia onde os movementos en masa teñen unha importante frecuencia, especialmente durante os invernos.

Nesta investigación comprobouse como as zonas acantiladas van gañándolle espazo ao continente seguindo un comportamento cíclico. Os materias que caen desde o cantil acumúlanse ao seu pé, protexéndoo da erosión do mar, pero unha vez que as ondas conseguen limpar esta zona vólvese a reactivar a erosión do cantil producindo novos movementos en masa.

Entre o ano 2016 e 2018 comprobouse como nos seis sectores de análise produciuse unha perda de material superior aos 4000 m3. O paradoiro deste material é moi diverso, pudendo partir desde a redistribución na propia praia de Ponzos a súa saída cara o mar polo efecto das ondas e as correntes.

A erosión dos cantís segue sempre o mesmo ritmo? A resposta é non, púidose observar como as taxas de retroceso aumentaron nas últimas décadas, superando nalgún caso os 2 metros entre os anos 2016 e 2018. Analizar e comprender estas dinámicas é fundamental para mellorar a xestión costeira e evitar riscos para a poboación que pode atoparse nestas zonas.

No caso galego, non existe unha base de datos ou un sistema de análise en detalle deste tipo de eventos, pero en moitas outras rexións/países xa se leva anos analizando como as dinámicas costeiras poden marcar o seu futuro. Un bo exemplo de boas prácticas neste senso é o caso escocés, onde a través do proxecto Dynamic Coasts estudan en detalle como cambiará a súa costa e outórganlle as ferramentas necesarias aos xestores públicos para evitar riscos e mellorar o futuro da costa.

One thought on “ Os cantís achégansenos a pedir axuda

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

This site is protected by reCAPTCHA and the Google Privacy Policy and Terms of Service apply.