Ás veces cando estás facendo traballo de campo atópaste con compañía. Isto foi o que nos aconteceu mentres profundabamos no sector de Teixidelo, na Capelada. Aínda que non estou seguro de se eles nos atoparon a nós ou foi ao revés.
Na serra da Capelada existe unha gran cabalería salvaxe que se despraza por este territorio buscando os mellores pastos. Nesta zona os cabalos son os donos do territorio e podes atoparte con eles en múltiples lugares, incluso ao carón do mar. Non é que estes animais teñan predilección polas praias desta zona, pero a presenza de ricos pastos fai que como nos aconteceu a nos, non sexa estraño que te acompañen até a costa.
Estes animais campan por estas serras durante todo o ano acompañados de outras especies como as vacas, tamén bastante frecuentes nesta zona da costa galega. Non é até ben entrada a primavera cando os cabalos teñen que pasar por “chapa e pintura”. Nesa época é cando se procede á súa desparasitación, marcaxe e corte de pelo.
O certo é que os nosos novos amigos non colaboraron moito co traballo de campo, ao final tivemos que subir por estes acantilados polo noso propio pé, pero si que nos amenizaron a estadía nun sector tan espectacular como o de Teixidelo.