Non podemos entender a xeografía de Galiza sen os seus bosques. O territorio galego caracterízase, en gran parte da súa superficie, por un clima oceánico que fai dos bosques galegos lugares perfectos para “perderse”.
Unha das zonas boscosas máis máxicas de Galicia son as Fragas do Eume. Este Parque Natural é o sector de bosque atlántico mellor conservado da zona. Aínda que as actividades humanas modificaron parte desta área, aínda hoxe camiñar polo seus sendeiros segue a ser un auténtico pracer.
A auga do río Eume que atravesa o parque axúdanos a atopalas sendas, que descorren case na súa totalidade a carón do río. Esta característica tamén nos marca toda a vexetación que observaremos, vencellada a zonas con moita auga e que forman bosques pechados onde tan só algúns raios de sol conseguen penetrar.
Desde Pontedeume o percorrido ata o mosteiro de Caaveiro permítenos coñecer multitude de especies arbóreas, como os carballos ou os bidueiros, ademais de diferentes tipos de fentos que se benefician da gran humidade da zona. Dependendo da época do ano na que visitemos as Fragas do Eume atoparémonos cunha paisaxe totalmente distinta. A presenza de árbores caducifolias, como os carballos ou castiñeiros, fan que durante o outono poidamos camiñar sobre un espectacular manto amarelo mentres que na primavera poderemos gozar duns verdes intensos espectaculares.
Nesta galería de imaxes podedes coñecer un pouco mellor como é esta zona, aínda que sen dúbida o mellor é visitala en primeira persoa.